03 de Agosto de 2022

Aberto o prazo para pedir axudas para a mellora da eficiencia de pisos e edificios

O prazo termina o 30 de novembro de 2022

Os propietarios de vivendas e edificios xa poden optar ás axudas da Xunta de Galicia de ata 38.750 euros para mellorar a eficiencia enerxética dos seus inmobles. Tamén se poden pedir subvencións dun máximo de 3.500 para elaborar o chamado libro do edificio e de ata 30.000 € para os proxectos de rehabilitación. O prazo para acollerse a estes dous novos programas, que suman un orzamento global de máis de 24 millóns permanecerá aberto ata o próximo 30 de novembro.

O luns publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a primeira convocatoria do programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio, financiado con cargo aos fondos Next Generation da Unión Europea e cun orzamento de 22,9 millóns, polo que se converte na liña de incentivos neste ámbito co maior orzamento da historia.

Neste caso, as axudas destinaranse a actuacións de mellora da envolvente de edificios de uso colectivo e vivendas unifamiliares —como a renovación de fachadas e de cubertas—, e a substituír equipos de calefacción e de auga quente para lograr, como mínimo, un aforro enerxético do 30%. Atendendo aos ingresos dos solicitantes e á porcentaxe de redución dos consumos que se consiga —polo menos dun 30% en calquera caso—, a contía da subvención pode chegar ata os 38.750 euros, se a actuación prevé a retirada de elementos con amianto, e a un máximo de 26.750 euros noutros supostos.

Libro do edificio

Desde esta semana tamén se poden solicitar as axudas para elaboración do libro do edificio existente e para redacción de proxectos, documentación que xa é obrigatoria no caso de inmobles de nova construción e que se quere fomentar para o resto.

A convocatoria de 2022, publicada esta semana, conta cun orzamento de 1,25 millóns de euros e vai dirixida a edificios ou vivendas finalizadas antes do ano 2000 que se vaian a rehabilitar.